Daniel Alonso comeza a súa traxectoria musical á idade temperá dos 13 anos e despois de pasar por diferentes bandas xorden os Blood Filloas, que chegan a abrir algúns concertos dos seus ídolos: The Posies, White Flag, Sex Museum, Los Enemigos, Vancouvers... e realizan unha xira por España e Francia coa banda de power pop australiana DM3, colaboran co medio audiovisual, para o que achegan a canción e o seu correspondente videoclip "Superheroe" –para o espazo televisivo “Xabarín Club”
da TVG– ou a sintonía do magazine musical "Gorevision" para a ferrolá TV de Narón. Contribúen ademais na banda sonora da curtametraxe "The End", de CAAlonso, e na longametraxe "Killer Barbies" do mítico Jesús Franco. No ano 1997 e por circunstancias alleas ao grupo, os Blood Filloas vense na obriga de desaparecer. En xuño de 2000, Dani emigra a Dublín (Irlanda), onde continúa compoñendo e dedica horas mortas a correr a “gorrazos” moitas pantasmas persoais.


Dende alí embárcase nunha odisea que o levará a Hong Kong, Indonesia, Australia, Nova Zelandia e California. É durante este periplo cando desaparece Dani Filloa e nace Boy Elliott; acontece en Sydney (Australia) en xaneiro de 2001. Un amigo inglés bautízao así por unha estraña conexión entre os dous trotamundos: a súa veneración por Elliott Smith e Badly Drawn Boy. É verán, época propicia para todo tipo de excesos humanos e divinos; Dani Elliott volve a Galicia, grava a súa primeira maqueta e debuta en Limodre (Fene, A Coruña) durante a sesión vermú do Felipop 2002.
Durante este tempo aséntase en Ourense cidade, onde saca tempo para seguir facendo gravacións caseiras de todo o que estivera fecundado anos atrás. No Nadal de 2003 actúa de novo no Felipop de Inverno.Estamos no ano 2004, chegou un momento longamente esperado: arranca o "Boy Elliott On The Road Again: Galician Rural Tour". En novembro dese mesmo ano, autoedita unha nova maqueta: o seu título é "Kings Cross DemoN", grava a banda sonora da peza "Nunca máis? de CAAlonso para a longametraxe de episodios "Hai que botalos" e segue traballando co seu compañeiro Óscar Quant, no proxecto deste último, Quant. En setembro de 2005, Dani Alonso a.k.a. Boy Elliott gaña o III Concurso de Cantautores que se celebra en Ourense. E en decembro dese mesmo ano, colabora de novo cos seus camaradas Quant no videoclip "Girls, girls, girls", dirixido por Rubén Coca. Corre 2006. A historia repítese e por segunda vez na súa vida, Boy Elliott ten a sorte de abrir o concerto de Dom Mariani (The Stems / DM3). Aínda que non só ten esa sorte, tamén toca con Jon Auer (The Posies / Big Star) e Paul Collins Beat. Durante o ano 2007, Boy Elliott segue dando concertos por toda Galicia e Asturias. No 2008 empeza a colaborar con The Plastic Bags e participa na recompilación homenaxe a Andrés do Barro "Manifesto Dobarrista" co tema "Por non poder". Intervén no programa “Extrarradio” da Radio Galega, onde toca en rigoroso directo tres cancións: "Dolphins" (Fred Neil), "Por non poder" (Andrés do Barro) e "Stay away" (Boy Elliott).


A partir de setembro deste ano retómase a idea da banda e xúntanse Boy Elliott & The Plastic Bags, Marcos Bag de Annie Hall ao baixo e Plastic Gus na batería cun puñado de novas cancións, durante o 2008 dan media ducia de concertos por Galicia e Madrid. En paralelo, Boy Elliott en solitario queda 4º no concurso Indiecanciones da sala madrileña Contraclub, e en agosto de 2008 Boy Elliott & The Plastic Bags conseguen con “Planeta 19” o Premio do Xurado no Apologhit 2008, organizado pola Radio Galega e o xornal dixital Vieiros, co que son seleccionados como representantes de Galicia no Liet Lavlut, Euro-Festival de Linguas Minorizadas (Laponia sueca). ( A xira de concertos por toda Galicia que a banda realiza coma premio do seu primeiro posto no Apologhit, servirá para pechar unha intensa etapa que durou case doce meses. Coa entrada do novo ano, certos cambios na
que ate o momento o acompañaba, e a decision de atopala orixinalidade nas suas propias orixes fai que Dani Alonso (aka Boy Elliott & The Plastic Bags) mude de pel convertíndose en “O Neno Elliott”.


                                                                                        Actualmente (2010) participa na xira “Naturalidade Silvestre” presentando o documental de Carlos Alberto Alonso do mesmo nome, xunto a Roger de Flor, Magín Blanco,  O Marqués das Viñas, Juan Cabezón “Cabe” e Sergei Ismailov, ademais de facer concertos esporádicos xunto a Jaime (O Sonoro Maxín), Marcos (Plastic Bags/Annie Hall) e Raul (Niño y Pistola)

 
www.boyelliott.comhttp://www.boyelliott.comshapeimage_2_link_0